O pasado mes de decembro celebrouse un ano máis a xornada final das XIV Xornadas Solidarias, Memorial Fani Martínez. Despois duns meses intensos de recollida de xoguetes e de adestramentos solidarios, o día 22 tivo lugar unha tarde festiva, pero sobre todo emotiva e solidaria.
Grazas á colaboración da nosa masa social, das distintas asociacións e entidades colaboradoras —Fundación Emalcsa, Cáritas, Asanog, Doadores de Sangue de Galicia, Deporte Solidario, A Coruña Deporte, Concello da Coruña, Gadis e Hyundai Hyupersa Finisterre Motor— e á axuda incrible de numerosos clubes galegos, estas xornadas conseguiron xuntar máis de 400 persoas e recadar unha chea de xoguetes e comida para quen máis o precisa.
Durante a tarde houbo obsequios para as persoas participantes, partidillos de base, actividades lúdico-deportivas, a celebración do II Torneo Fani Martínez, coa colaboración do Burela FS, Club Ribeira FS e Poio Pescamar, e un partido de exhibición con xogadores e xogadoras de primeiro nivel do fútbol sala galego, coa participación de moitos clubes que non dubidaron en sumarse a este Memorial.
Desde o club queremos agradecer a todas as persoas, entidades e clubes implicados que, ano tras ano, fan posible que o recordo de Fani siga sempre presente e que estas xornadas sexan un éxito de solidariedade e recadación. Unha vez máis, demostrouse que o importante é o importante.









